A recuperación do instrumento en Galicia nos últimos anos

No 1990 non había absolutamente ninguén que fixese zanfonas”. Asegúrao Xaime Rivas, artesán vigués, ao lembrar os seus comezos. “Cando eu empecei –continúa Rivas-, Antón Corral, o meu profesor, levaba moitos anos sen ensinar construción de zanfona; estaba practicamente resignado á súa desaparición, porque el facíase maior e non había ninguén que estivese aprendendo”. Ademais, daquela case ninguén sabía tocala. “Era un círculo vicioso: ao non haber artesáns, non había tocadores; ao non haber tocadores, non aparecían artesáns”.

Quedaban moi poucos músicos que soubesen tocar a zanfona. Estaban Antón Seoane, de Milladoiro, “Mini” Rivas, de Fuxan os Ventos, e Amancio Prada. Atrás ficaban os achegamentos do cantautor Miro Casabella e o inxente traballo de investigación de Faustino Santalices. Entre os novos, non había máis de catro mozos que se defendesen. O máis destacado era Anxo Pintos.

Pintos, actual profesor de zanfona na Universidade Popular de Vigo e membro de Berrogüetto, cre que hoxendía a zanfona está “nun paseniño proceso de normalización en Galicia”. Agora ten, cada curso, medio cento de alumnos de interpretación. Hai unha década non pasaban de cinco. Ademais, aos alumnos de Vigo súmanse os do Conservatorio Folque de Lalín –arredor de 35 anuais- e os dalgunha asociación que ofrece clases deste instrumento.

Anxo Pintos, zanfonista de Berrogüetto“Ao principio foi moi difícil –lembra Rivas-. Ante calquera contratempo, Corral desesperábase: eran pequenos detalles, como a falta de corcho para as teclas, pero non sabiamos cómo superalos”. A primeira zanfona de Rivas foi un encargo que o seu profesor arrastraba desde había moitos anos “dun señor Lugo”. O propio Anxo Pintos foi o destinatario da segunda.

“A verdade e que dábame moito medo -confesa Rivas-. Anxo era considerado o zanfonista, tocaba cunha zanfona de Corral, facíao moi ben e afinaba”. Iso, daquela, non o conseguía calquera.

En 15 anos a situación deu unha volta de 180 graos. Agora son moitas as zanfonas que afinan. Pintos cre que a sistematizacón do ensino axudou a acurtar o tempo de aprendizaxe e tamén a optimizalo. “Hoxe calquera alumno toca melodías que hai unha década parecían reservadas só a uns poucos”, asegura.

Óscar Fernández, zanfonista dos Cempés e profesor no Conservatorio Folque de Lalín, explica o forte rexurdimento da zanfona polo seu “estraño atractivo”. “Está o mito do instrumento medieval, misterioso, do que non se sabe nin como é posible que toque –asegura-. A xente ve unha manivela e uns dedos pero non entende o mecanismo. A zanfona gusta, mesmo antes de tocala”.

A súa forma de achegarse á zanfona foi tamén por esa causa: “Escoitaba Milladoiro e Fuxan os ventos e preguntábame qué era iso –lembra Fernández Sanjurjo-. Despois investiguei e descubrín que o instrumento tiña máis recursos musicais que os que eles usaban”.

Anxo Pintos, na mesma liña, cre que o público fica sorprendido “do timbre e das posibilidades” do instrumento. Para Pintos, nos últimos anos a zanfona deixou de servir exclusivamente como acompañamento da voz para converterse nunha vía “case infinita” de expresión musical. O repertorio da zanfona abrangue nestes momentos desde a música medieval ata o rock, pasando pola música barroca, a tradicional, a contemporánea, o jazz ou o pop. “Non todo é tocable, pero case todo”, sentencia Pintos. Para o músico de Berrogüetto, na actualidade “as barreiras e prexuízos á hora de saltar os lindeiros que separan os xéneros son moi pequenos ou inexistentes, debido a que, cada vez máis, os musicos teñen unha concepción máis sensata do feito musical”.

Tanto polo número de intérpretes como pola diversificación do repertorio, músicos e artesáns galegos consideran que a zanfona está plenamente recuperada. Pero algúns advirten que aínda non está totalmente reinstaurada na sociedade.

 

 

 

 

Imaxe de zanfona
"O vello da zanfona" do fotógrafo Pintos en 1924
Faustino Santalices, estudoso da zanfona
Detalle das Cantigas de Santa María de Afonso X
Representación dunha zanfona antiga rústica
O filósofo Rousseau tocando a zanfona
O folclorista Perfecto Feijoo posa cunha zanfona
Correo electrónico
O renacer da zanfona