Un instrumento de esplendor medieval
e ilustrado

O primeiro antecedente da zanfona data de finais do século X d.C. Chámase organistrum e está considerado polos musicólogos o primeiro instrumento realizado cun mecanismo complexo. O termo organistrum deriva das verbas latinas organum -o tipo de canto que interpretaban os monxes nos oficios relixiosos- e instrumentum. Era máis grande que a zanfona, polo que tiña que ser tocada por dúas persoas: unha accionaba o manubrio e a outra tocaba. Era un instrumento eclesiástico que acompañaba os cantos nas igrexas. Estendeuse por toda a Europa católica. Atópanse representacións pétreas do organistrum en igrexas francesas, inglesas e españolas –Compostela e Navarra, por exemplo- de entre os séculos XI e XIII.

No século XIII outro invento marca o devir histórico do organistrum. Aparece o órgano, que o substitúe na interpretación da música sacra. O vello instrumento cae en desuso e pasa ás mans do pobo. Xograres e trobadores fan unha versión reducida, manexable por unha soa persoa, para poder acompañar os seus cantos. Nese momento nace a zanfona.

Organistrum representado no pórtico da catedral de Santiago de CompostelaSegundo os expertos, a zanfona foi moi popular ata o século XV. Co remate da Idade Media, a sociedade cambia demasiado como para seguir considerando aceptable un símbolo tan representativo da antigüidade. Desaparecen os xograres e empezan a valorarse outros instrumentos, como o laúde. Foi unha dinámica xeral europea.

No XVIII, a zanfona rexorde. O Neoclasicismo ilustrado impón o gusto polos antigos costumes na arte e, polo tanto, tamén na música. É na corte francesa de Luís XV onde vive o seu maior esplendor. A zanfona interprétase para o gozo dos oídos cortesáns e para acompañar bailes e danzas. Ao ser Francia o foco cultural da época, a zanfona recupérase tamén, aínda que en menor medida, nos países do seu contorno.

Pero tras da Revolución Francesa todo cambia de novo. En Francia perde o beneplácito da alta sociedade, aínda que continúa mantendo a consideración popular e convértese nun instrumento para a composición de ritmos bailables no rural. En España, son os cegos ambulantes os que o conservan.

Durante o XIX e comezos do XX o instrumento sofre unha constante deturpación debido á falta de coidados por parte dos músicos. Isto provoca que se identifique nalgúns diccionarios e refráns como malsoante e vulgar. Na Península Ibérica, úsase fundamentalmente para acompañar sen demasiadas complicacións técnicas os cantos de cego.

A recuperación
A zanfona chegou ao século XX ferida de morte: mal considerada socialmente e coa tradición dos cantares de cego esmorecendo. En Galicia un dos maiores responsables da súa conservación foi Perfecto Feijoo (1858-1935). Este boticario de Pontevedra recolleu melodías tradicionais, tocou a gaita e tamén a zanfona. A Feijoo débese a primeira gravación de zanfona da historia de España, no disco de Aires d’a terra, en 1904.

Pero o que está considerado como o investigador por excelencia da zanfona en España é Faustino Santalices (1877-1960). Santalices fíxose con zanfonas, buscou documentación histórica sobre o instrumento, mellorouno tecnicamente e logrou que volvese soar correctamente. Del son o primeiro libro monográfico sobre o instrumento en España (La zanfona, 1956) e o primeiro disco integramente dedicado á zanfona, gravado en Madrid no 1949.

Santalices tamén creou, co apoio da Deputación de Lugo, un Taller-Escola de Instrumentos Galegos, onde puido ensinar as técnicas de contrución da zanfona para que o instrumento non se perdese. Un dos seus aprendices, Antón Corral, continuou o seu labor na Universidade Popular de Vigo.


 

 

 

Imaxe de zanfona
"O vello da zanfona" do fotógrafo Pintos en 1924
Faustino Santalices, estudoso da zanfona
Detalle das Cantigas de Santa María de Afonso X
Representación dunha zanfona antiga rústica
O filósofo Rousseau tocando a zanfona
O folclorista Perfecto Feijoo posa cunha zanfona
Correo electrónico
O renacer da zanfona