Este valisoletano de 26 anos comezou a súa formación nos seminarios da Asociación Ibérica da Zanfona (AIZ). Membro da Viellistic Orchestra francesa ata a súa desaparición, actuou por todo o mundo en proxectos compartidos con estrelas internacionais do instrumento. Editou no 2004 o seu primeiro traballo como solista, El suéter de Claudia.
Germán Díaz leva unha boa tempada asentado en Galicia. Esta Semana Santa atopámolo en Lugo, dando clases de zanfona contemporánea no XXIII Curso de Cultura Tradicional. Desde a súa posición de artista e profesor, defende un instrumento coas máximas capacidades, sexa ou non tradicional.
¿De onde lle
vén o seu amor pola zanfona?
Foi grazas á Asociación Ibérica da Zanfona. No primeiro
curso ao que asistín, a AIZ deixoume unha zanfona e ao rematar, merquei
unha de segunda man. Ese curso, nun mosteiro do Císter, en Valladolid,
foi marabilloso. Escoitando entre as pedras o son da zanfona quedei prendado
dela.
¿É
un instrumento máis persoal que outros?
Sí, hai moitos elementos que cambian a súa
sonoridade. Calquera zanfona é practicamente única, moi poucas
se fan en serie. Cada persoa ten que atopar o seu son persoal. Para iso hai
que probar con moitas cordas, depende da altura da corda sobre a roda, do
algodón que poñas na corda, do axuste das espadillas...
¿Mellorou nos
últimos anos a calidade dos músicos e do instrumento?
Si, totalmente. A xente xa respecta a zanfona como un instrumento, o que
significa que hai que estudalo, que ten unha técnica. Estanse facendo
uns instrumentos magníficos en Galicia, porque hai unha boa escola.
Nesta Comunidade hai varias escolas de artesanía, pero fan un instrumento
moi concreto, moi taxativo. Entón, a xente nova está indo a
cursos a outros sitios. Agora temos a sorte de contar cunha gran marea de
información para todo o mundo, que é Internet. O bo destas cousas
é que moitas veces acaban cos gurús incompetentes.
¿Ten a
zanfona un rexistro interpretativo moi determinado?
Non, porque o rexistro real dunha zanfona é
de dúas oitavas, que non está nada mal. Ademais, con ela podes
facer algo de harmonía e tamén de ritmo, co can. Ou sexa, que
é un instrumento melódico, rítmico e harmónico
a un tempo. A zanfona é perfecta para a música contemporánea
polas súas sonoridades e timbres inigualables.
¿Qué
opina das diferenzas entre a zanfona tradicional e a contemporánea
de orixe francesa?
Contemporánea... case é máis contemporánea
a galega. O can é unha peza que posiblemente apareceu no século
XV e que se usou moito no XVIII, no Barroco. En consecuencia, é moi
difícil dicir que en España non se tocaba co can, porque realmente
se a zanfona se usaba como se usaba, para dar unha nota pedal... Ademais,
moitas veces as zanfonas españolas non eran cromáticas, senón
diatónicas. Se hoxe se fai unha zanfona cromática e se di que
é galega, ¿por que non facela co can e que siga sendo galega?
A zanfona que hai en Galicia ten un son particular que podemos definir como o son de Santalices. Pero non deixa de ser gracioso que a zanfona deste home fose unha lyra organizatta, unha zanfona órgano, posiblemente de construción francesa e que arranxou un organeiro en Valladolid. Non podemos saber se tiña can ou non, pero tampouco é algo que me interese. Eu o que quero é un instrumento coas máximas capacidades posibles e tentar usalas todas.
¿Que proxección
ten o instrumento?
A proxección agora está sendo impresionante.
En Galicia hai xente que está tocando moi ben, pero eu creo que en
breve se producirá unha evolución natural do plantexamento musical
que se está facendo actualmente, dunha maneira bastante atrevida e
máis interesante. En Galicia a zanfona ten máis importancia
que no resto do Estado, porque había xa a tradición dunha zanfona
que chamaban galega polo traballo de Santalices. E aquí concéntrase
o maior número de artesáns de zanfona de todo o territorio español
e de xente que a toca. O futuro augúrase moi bo en Galicia. Agora fixéronse
moitos cursos de zanfona e a xente responde, hai interese. Mentres haxa unha
persoa que teña interese en tocala e outra en escoitar, a zanfona seguirase
mantendo.
| O renacer da zanfona |