Libro de visitas

 

 

 

                                                                                                

 
Google
 

 

Quen somos

Nacemento 

Retrouso nace o 6 de novembro de 1996 na escola da Torre, na parroquia de Cela, en Bueu. A nosa orixe é a actividade extra-escolar de baile galego. A profesora era Leonor Rosales, moañesa con longa experiencia en montar grupos de baile de extraordinario nivel como Meiramar en Moaña ou o propio Danzadeira en Cela. Esta nova xeración de bailadoras e bailadores viña sustituír ós anteriores de Danzadeira e dalgún xeito era a súa herdeira, pois comezaba coa mesma profesora e daba a casualidade de que os maiores de Retrouso eran os aprendices máis pequenos cando o anterior grupo se desfixo.  

Entre os anos 1998 e 1999, con case tódolos compoñentes do grupo fóra do centro escolar, tomamos conciencia da necesidade dunha certa institucionalización. Deste modo, Retrouso de Cela constitúese como asociación cultural folclórica con CIF G-36341923.  

A primeira actividade da asociación está estreitamente ligada ó mundo do baile. Organizamos unha viaxe a Lugo na Semana Santa para posibilitar a participación dos nosos membros nun cursiño de baile tradicional. No 2000, coa escusa de darlle saída a uns intercambios que tiñamos con grupos da comarca e de Portugal, Retrouso emprende a organización dos Festivais Retrouso, que pretendían dinamizar a vida cultural da parroquia cunha xornada de baile e música tradicional festeira.  

No ano 2001, Leonor Rosales, por motivos persoais, deixa de dar clase. Esta circunstancia obríganos a reflexionar sobre o que queremos ser e facer neste mundo e decidimos buscar unha profesora que consideramos “de nivel e de carácter”, Margarita Pérez, fundadora do grupo Andarela de Vigo. 

Hai novas circunstancias. As idades dos bailadores, entre 16 e 20 anos, e polo tanto as súas ocupacións provocan que o número de compoñentes do grupo se reduza. Tamén existía cada vez maior consciencia da necesidade de contar cun grupo de gaiteiros propio, pois a súa falta obrigábanos a contratar grupos para cada actuación, coa inestabilidade e gasto que iso conlevaba. Faise clamorosa a necesidade de montar unhas escolas na parroquia que fornezan á asociación de futuro, que proporcionen un cambio xeracional no baile e que formen unha semente de músicos ligados á tradición galega. 

Actividades 

A primeira escola que montamos con éxito foi a de canto e pandeireta. Foi en setembro do 2001. Comezou con sete pandeireteiras. A profesora era Begoña David, cantareira da asociación Trompos Os Pés de Marín e do grupo folc Liorna. Para ese mesmo curso tratamos tamén de crear escolas de gaita e de baile, tanto de pequenos na escola de Cela como de maiores. En baile non se apuntou ninguén. Gaita comezou a funcionar tres meses despois, en xaneiro do 2002. O profesor era Óscar, gaiteiro de Coiro que tocaba nun novo grupo chamado Chacarrandaina. Empezou con catro maiores e catro nenos, un deles para tamboril. 

Nese ano 2002 seguimos organizando a viaxe a Lugo na Semana Santa e a terceira edición do Festival Retrouso, que contou coa actuación do grupo folc Os Carunchos. Para setembro marcamos coma obxectivo primordial o éxito da escola de base de baile. Falamos coa APA e ofertamos as nosas actividades conxuntamente. As expectativas cumpríronse. Apuntáronse oito nenas e nenos. As profesoras eran Loli Cabaleiro e Déborah García, parte do grupo Retrouso, para manter o estilo do grupo e ofrecer prezos máis asequibles. A profesora de pandeireta, Begoña, non puido seguir por motivos laborais e, en decembro do 2002, Rubén Bastón, tamén membro do grupo, comezou a súa laboura de profesor de canto e pandeireta. 

En xuño do 2003, Cristian Vilas sustituíu a Óscar como profesor de gaita e tamboril. As escolas de base Retrouso fixeron a súa primeira actuación en público, no Colexio de Cela, no festival de fin de curso. Alí bailaron os seis rapaces que se mantiveron en baile e tocaron os seis nenos de gaita e tamboril. Álvaro Estévez, de dez anos, tocou por primeira vez a gaita en público. 

Nese verán os rapaces de baile ensaiaron co grupo dos maiores e a súa profesora, Margarita Pérez. Tamén saíron bailar con eles. Por primeira vez na historia da asociación, non tivemos que contratar gaiteiros para as actuacións, saímos cos nosos propios gaiteiros acompañados do pequeno Álvaro. 

De cara á campaña 2003-2004, marcamos coma obxectivos básicos a consolidación das escolas de baile e gaita e o inicio dunha escola de base de canto e pandeireta. Como modo de promoción e traballo de fondo, organizamos tres actividades de achegamento ós nenos no mes de setembro. Realizamos unha excursión de fin de tempada á Coruña e ó Aquapark de Cerceda, como premio ós nenos das escolas e para que interiorizasen que a cultura tradicional tamén conleva diversións. Participamos na reunión que a APA do colexio mantén no comezo do curso cos pais, explicamos o proxecto da asociación e invitámolos a participar. E por último, organizamos uns concertos didácticos na escola para introducir ós nenos na cultura tradicional e facer que probasen tódolos seus aspectos: o baile, a gaita, o tamboril, o bombo e a pandeireta.

O resultado foi esperanzador. Apuntáronse dezaoito nenos en baile, dous novos en gaita e por primeira vez tres nenas animáronse a aprender a toca-la pandeireta.  

Ademais, Retrouso fixo unha forte aposta pola diversificación e o enriquecemento cultural da parroquia ó impulsar a creación dun coro, ensaiado polos veciños de Cela Carme Pereira e Manolo Torreira. 

Polo demais, Retrouso é sensible a todo o relacionado coa cultura galega. Realizou recollidas de campo a señoras da parroquia para manter vivo o seu modo de cantar e tocar e promove activamente a recuperación dos cantares de Nadal e Reis de Cela.