|
|
|
|
Retrouso. Significado 2.- Pra nós. Retrouso segundo Retrouso 1.- O termo. Definicións de “Retrouso”Diccionario da Lingua Galega, da Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega (1990) Retrouso: 1.- Palabra ou expresión que se repite a miúdo ó falar, por un hábito vicioso. De nada lle valeu o disfrace, descubrírono polos retrousos que todos lle coñecían. 2.- Réplica que se fai contra unha resposta dada por outro, empregando elementos da mesma. Sempre contesta cuns retrousos moi agudos e cheos de ironía. 3.- Verso dunha composición que se repite despois de cada unha das estrofas da mesma, nun ton diferente. Nos romances o retrouso é o primeiro verso. Gran Diccionario Xerais da Lingua, de Xerais (2000) Retrousar: 1.- Repeti-lo primeiro verso dunha canción detrás de cada un dos que a compoñen ou detrás de cada estrofa. 2.- Retrucar, responder a unha pregunta, crítica, comentario, etc. Retrousa sempre cunha habilidade que nos deixa pampos. Retrouseiro, -a: Que emprega algun retrouso cando fala. Retrouso: 1.- palabra que, viciosamente, se repite a miúdo na conversa. 2.- Réplica que se basea en elementos do argumento oposto. 3.- En determinadas composicións poéticas, verso ou versos que se repiten despois de cada estrofa. Diccionario conceptual galego (1997) Retrouso: Estribillo, palabra que se repte constantemente na conversa. Réplica baseada en cuestións do argumento oposto. Entreitoira, cuña do eixe do carro.
2.- Para nós. Retrouso segundo Retrouso O nome de “Retrouso” pró noso grupo de baile apareceu de casualidade nun motel da mala morte na cidade de Lugo, na Semana Santa de 1999. Quince dos bailadores do por aquel entón “grupo de baile do colexio público Torre-Cela” viaxaron á cidade da muralla pra participar nun cursiño de baile tradicional organizado pola asociación Cántigas e Frores. A maioría do grupo roldaba os dezaseis anos. Levabamos uns meses pensando en “independizarnos” e crear a nosa propia asociación. Nunha das sete noites de festa e conversa, todos reunidos nunha habitación pequena, con dúas camas vellas, unha fiestra estreita e ambiente de eterna suciedade, saltou o tema do nome. ¿Que nome nos poñemos? E saíu a relucir unha conversa previa. Ó mediodía, de camiño ó hostal, Loli e Rubén, bailadores, falaban das súas cousas e do canto e do baile. Na tertulia xurdiu unha cuestión filolóxica arredor dos estribillos de baile e Rubén dixo: - ¿Sabías que non se di estribillo? - Entón, ¿como se di?, ¿estribelo? - Non, dise retrouso Rubén escoitárao non había moito nunha clase de literatura medieval galego-portuguesa. Na noite, de sócato, Loli recordouno e soltouno: - Ei, podiámonos chamar Retrouso. E cos aires soñolescentes da noite, todos aceptamos orgullosos, contentos de ter atopado nome, identidade. Iso, claro, despois de reflexionarmos e dármoslle voltas e voltas ó concepto. Tras daquela noite, en Lugo, o termo Retrouso veu significar: Estribillo, repicar constante, revolver, renacer. Somos unha tradición que morría pero volve, unha constante que se repite na terra galega e que non debe esmorecer. Relacionamos o termo incluso intimamente coa historia recente da parroquia de Cela. No 1982 nacera outro grupo de baile, coa nosa mesma profesora, Leonor, que comezara a ensaiar o mesmo día que nós, un 6 de novembro, e que, cando deixou de existir en 1990 tiña como os seus bailadores máis pequerrechos precisamente os que en Retrouso eran os maiores. De novo todo era un retrouso, un revolver da historia que nos xuntaba e nos facía traballar pola nosa cultura. Tras diso chegou incluso algún poema insistindo na significación de Retrouso. Entre nós, ó redor da palabra, floreceron connotacións de cultura galega, diversión e amizade. Foron aparecendo palabras como “retrouseiros” (dise dos que senten Retrouso no corazón), “retrousiños” (dise dos retrouseiros pequenos) ou “arretrousados” (versión máis forte e festeira de retrouseiro). E, por sorte, as palabras seguen medrando. |
|
|
|
|