Libro de visitas

                                                                                                

 
Google
 

 

Cela celebra a fin do curso cun festival das Escolas Retrouso

 Retrouso | Cela

24/06/04 | O colexio da Torre, en Cela, festexa a fin do curso escolar. Desde as dez da mañá sucederanse as actuacións dos alumnos e, no mesmo acto, levarase a cabo o festival das Escolas Retrouso.  

A asociación cultural Retrouso de Cela ofertou por segundo ano consecutivo no colexio da Torre as actividades de baile tradicional, gaita e percusión, e canto e pandeireta. O crecemento da participación foi espectacular este curso. Dos seis rapaces que inauguraron a escola infantil de baile no curso 02-03, pasouse ós quince bailadores que interpretarán mañá tres muiñeiras. A actividade de gaita avanzou desde os seis ata os nove aprendices de gaiteiro. Tocarán todos xuntos o pasodobre de Pastoriza (Marín) coa frauta e despois un dos rapaces interpretará de xeito solista unha muiñeira co rapaz que toca o tamboril. Ademais, tamén actuarán as rapazas da escola de canto e pandeireta, que o ano pasado non tivo ningún alumno e mañá amosará as súas catro novas pandeireteiras tocando dúas cancións. A participación total saltou dos 12 alumnos ós 28 este curso. 

Ademais, tódolos alumnos de baile e algúns de pandeireta estrearán mañá o seu traxe tradicional. É un traxe de faena inspirado na vestimenta da zona no primeiro tercio do século XX. Tanto as clases de baile como as de gaita e canto continuarán durante o verán, pois os rapaces sairán a actuar cos maiores nalgunhas das súas demostracións. O seu verdadeiro “fin de curso” é en setembro, mes no que teñen vacacións e gozarán dunha excursión a un parque acuático como premio ó seu traballo. O éxito das Escolas Retrouso vese desde a Asociación como un xusto premio ó mimo co que as están a coidar, organizando actividades como concertos didácticos e excursións para achegalos ó mundo da cultura tradicional.