Libro de visitas

                                                                                                

 
Google
 

 

A Deputación de Pontevedra fomenta as gaitas marciais escocesas, segundo a Asociación de Gaiteiros

Retrouso / Pontevedra

Gaiteiro da Real Banda de Gaitas de Ourense12/04/05 | A Deputación de Pontevedra aprobou no seu último pleno do 6 de abril un convenio por valor de 90.000 euros para fomentar unha forte Banda de Gaitas de Pontevedra.

 A Asociación de Gaiteiros Galegos considera que ese “non é o camiño máis adecuado” para fomentar a cultura tradicional. O máis grave, segundo a Asociación é que o proxecto imita en varios puntos a estrutura da banda de gaitas de Ourense. Por exemplo, vanse crear cinco escolas zonais: en Cangas do Morrazo, Pontevedra, Vigo, O Salnés e O Deza. Ademais, e por enriba de todo, a Asociación de Gaiteiros indica que a Deputación “pretende seguir o modelo da Deputación ourensá tamén en canto á utilización de instrumentos ao estilo escocés”.

 De confirmarse este punto, significará que a Deputación pontevedresa estará fomentando a inculturización escocesista que xa triunfa en Ourense e que se estendeu nos últimos anos por Asturies e Lugo: percusión metálica e artificial e gaitas marciais da familia histórica escocesa, que non galega, con varios roncos e unha posición vertical do ronco principal.

 A Asociación de Gaiteiros Galegos reitera, fronte a esta iniciativa, o seu total apoio á ensinanza de música tradicional que levan a cabo desde hai anos moitísimas asociacións pontevedresas sen recibiren axudas de ningún tipo da Deputación, a mesma que agora destinou 15 millóns das desaparecidas pesetas para o novo proxecto.

O colectivo de Gaiteiros Galegos critica que as institucións públicas apoien este “aberrante proxecto” sen ter apoiado nos últimos anos as actividades tradicionais da provincia. Por último pide que non se trate de confundir ao público “vendendo por galego algo que non o é en absoluto”.

O presidente da Banda de Gaitas da provincia de Pontevedra, Hipólito Cabezas, anunciou que as escolas daran comezo en primeiro lugar este mes en Vilagarcía, coa realización dunha serie de charlas, posta de diapositivas e un concerto didáctico.