Inicio
Quen somos
Onde estamos
Artigos
Eventos
Fotos
Ligazóns

|
Haro Tecglen. Un roxo
na corte do rei.

Neno
republicano e fillo de roxos. Demasiado comunista para ser anarquista e demasiado anarquista para ser comunista, tal como o definiu Sabina. A
palabra de Haro Teclen, escéptica e crítica, é un referente para a análise
da realidade. O xornalista achegouse a Compostela para participar nas IX
Xornadas Libertarias, organizadas polo Ateneo Libertario e a CNT, que se
desenvolveron entre o 3 e 7 de novembro, baixo o título “A presencia da
memoria”. Aproveitamos para falar con el nunha conversa libre e distendida,
irónica e irreverente, sobre as pautas políticas e ideolóxicas da sociedade
actual.
Tirada de vieiros.com,5/12/03
- Vostede
gusta de definirse como republicano e como anarquista, ¿como percibe a
actual sociedade española, monárquica e capitalista, un republicano
anarquista?
Sabina dixo del e de min que somos
demasiado comunistas para ser anarquistas e demasiado anarquistas para ser
comunistas. Se me defines só como anarquista non cobres a realidade, a
realidade é que son “roxo”. O “roxo” é algo que integra desde o republicano
ata o anarquista, se queres poñer o anarquista como un extremo, aínda que os
anarquistas hoxe realmente están moderados. ¿España hoxe é monárquica? É
unha monarquía pintoresca, monarquía de carnaval, mesmo casan os príncipes
con rapazas do pobo. Pero en realidade non é unha monarquía, porque o Xefe
de Estado non é monarca no sentido de exercer o goberno dun só, simplemente
aparece, fai teatro. O peor é que dentro dese sistema si se elixe o xefe de
goberno e sempre se elixe mal, sobre todo nestes últimos anos elixiuse mal e
temo que se vai seguir elixindo mal. Non é unha monarquía exactamente, é
unha república onde o Xefe de Estado real é o presidente do Goberno, e o
presidente do Goberno, unha vez aposentado no seu cargo, ten tales recursos
que sobrepasan os das urnas, é dicir, fai trampa nas urnas, fai trampa na
mente dos cidadáns, ten unhas posibilidades de influír sobre os votantes
que, cando estes chegan ás urnas, chegan xa sabendo o que teñen que votar.
Eles cren que son unha burguesía, porque teñen un piso, teñen un coche, unha
muller que traballa, e en verdade, todo llo deben en letras ós bancos. Cren
que son burgueses e o que son é mendicantes dos bancos, cos que se empeñan
no que lles queda de vida para ver se, cando chegue o momento, o piso é para
os seus fillos, que xa non o quererán porque quedou anticuado e lonxano.
-
Na polémica sobre o nacionalismo
vostede mantén un punto de vista que é moi singular na prensa de Madrid.
Preguntaríalle en primeiro lugar, ¿a que cre que se debe a persistencia
desta polémica? ¿Por que o Estado das Autonomías, tal como se define na
Constitución Española, non acerta a circunscribir esta polémica dentro do
debate normal, democrático, senón que, pola contra, se crean estas tensións
que parecen sobrepasar a normalidade democrática?
Porque as autonomías se concederon
a partir dunha situación singular e extrañísima que foi a morte de Franco, e
a forma de remendar aquilo de maneira que parecera que se dera unha cousa e
ó mesmo tempo se quitaba. As autonomías eran unha vella aspiración de tres
zonas especiais de España, Galicia, País Vasco e Cataluña. Eu non son moi
partidario das autonomías. Encontro que, ó final de todo este ciclo que
empeza na morte de Franco, o que nos está ocorrendo é que o Goberno actual,
que é un goberno franquista disimulado, pretende ocupar as autonomías por
rexións e refacer unha España co PP presidindo cada autonomía.
-
Vostede di que non é partidario das
autonomías. Sen embargo a súa opinión sobre o actual Plan Ibarretxe molesta
precisamente en Madrid por defender un diálogo e unha recepción dialogada
dese plan, fronte a aqueles que o acusan de ser “equidistante”, reiterando o
mesmo adxectivo que utilizan cando se defende o diálogo para solucionar o
problema da violencia no País Vasco.
Non son partidario das autonomías,
pero tampouco son partidario dunha brutalidade medieval para reconquistar as
provincias, como nos vellos tempos. A min paréceme que grande parte da culpa
da situación actual no País Vasco tena Aznar porque foi cortando de tal
forma as saídas políticas que non deixou máis posibilidade ca este
enfrontamento que hai agora, enfrentamento que se presenta dunha forma máis
ben grotesca. Aznar quixo ocupar esa autonomía mendiante Mayor Oreja,
falloulle, e desde entón, e desde antes incluso, non dá tregua a ningún
nacionalista, nin pacifista, nin non pacifista; entón para el todo é
terrorismo. Fai ben porque está nunha onda mundial onde todo aquelo que non
gusta se chama terrorismo, sexa ou non o sexa, e inclúese na órbita do
terrorismo a todo aquelo que ti queres eliminar, sexa Sadam Hussein, ou sexa
os talibáns afganos, ou sexa o pobre de Arafat. Pois el, nesa onda, antes
que Bush, xa predicou que todo o que non é el é terrorismo. Esa é unha
posición que non podo aceptar. O que me pasa a min é que eu non vexo que os
nacionalismos en si poidan favorecer o que a min me importa, que son as
clases humildes do país, o reparto das riquezas, o equilibrio económico, que
os impostos sexan lóxicos... Eu creo que o nacionalismo está reproducindo, ó
meu modo de ver, de maneira case perfecta, os defectos do Estado. ¿A min de
que me serve un nacionalismo como o galego que o domina Fraga? ¿A min de que
me serve, no outro extremo, o nacionalismo vasco, se é Arzallus o que o fai?
¿Quen é Arzallus? Arzallus é un seguidor dun demente que era Sabino Arana, é
un xesuíta –paréceme peor ser xesuíta que ser nacionalista, dentro dunha
orde-. Creo eu que todos os cidadáns desta colectividade en que vivimos,
chámalle España ou o que queiras, que é indubidable que ten unhas
fronteiras, unhas leis singulares etc., estamos sometidos a unha serie de
fragmentacións que fai o Estado con nós. Sepáranos en nacionalidades,
fragméntanos, divídenos por sexos (as feministas, as non feministas), por
idades (a dirección dos mozos, a dirección dos vellos, este traballa, este
non traballa...), divídenos por onde pode. E nós aceptámolo: “Como son maior
teño que loitar pola miña pensión...”. Ti terás que loitar pola pensión dos
que ten van seguir, tamén. Non é a túa a que importa, o que importa son as
pensións de todos, e se non loitas polas pensións de todos, mal te vas ver;
e se loitas polas pensións, tés que loitar polos soldos de todos, e tés que
empezar por que os soldos sexan iguais (homes, mulleres...). Trato de pensar
que, sen fragmentarnos, poderiamos formar unha especie de unidade ideolóxica
de individuos que puideran enfrontarse cun poder que nos está secando, que
nos está devorando cos seus múltiples medios.
|
|