![]() |
|
|
Rafa Villar, voceiro da Plataforma Cidadá Nunca Máis «Seguimos demandando responsabilidades políticas» Este 13 de novembro cúmprese o cabodano do accidente do Petroleiro. Hai tempo que semella que todo rematou, que as praias están limpas e que o problema está superado. Mais non todo é tan rápido. Para recordalo, para recuperar a conciencia das dimensións da catástrofe do Prestige, a plataforma Nunca Máis prepara unha batería de actividades en toda Galicia, que culminarán o 16 nunha manifestación nacional con saída na Alameda, ás 12 horas. Rafa Villar fálanos destas mobilizacións, en Galicia e máis en particular na zona de Compostela. O Morrazo, ficou nesta ocasión un pouco á marxe. Se queremos manifestarnos o día 13, teremos que achegarnos a Pontevedra ou a Vigo. -¿Por que volve a escena Nunca Máis? Estamos na calor da campaña que está a realizar Nunca Máis arredor do primeiro aniversario do Prestige, baixo o lema «365 días de dignidade, 365 días de incompetencia». Enfrontamos así o que foi a reacción social diante desta catástrofe da sociedade civil, que nos consideramos moi positiva, de reacción á xestion gubernamental, fronte a esta xestión gubernamental. -¿Que vai suceder? Temos convocadas vintecinco concentracións simultáneas que se van facer en Galicia en diferentes localidades e cidades e comarcas o 13 de novembro, que se cumpre formalmente un ano. Logo será a que nos esperamos gran manifestación, o 16 de novembro en Santiago. -¿Que outras actividades teñen programadas? Esta mañá inauguramos unha exposición fotográfica no restaurante O Dezaseis. Dalgunha maneira queremos manter a memoria viva porque é importante non esquecer e ter moi presente esta catástrofe. Seguirán ó longo da semana diferentes charlas de especialistas. Vai participar o profesor Xosé Ramón Doldán, da facultade de Económicas e o catedrático Buxán, para mirar os aspectos xurídicos desta catástrofe tal e como se están desenvolvendo, por exemplo. Despois hai unha concentración ás 8 da tarde, o día 13, no Toural, con lectura dun manifesto da escritora Rosa Aneiros. -¿Todo isto é o preludio da manifestación do 16? Si, esa vai ser unha manifestacion de toda Galicia na que pensamos que vai haber unha resposta multitudinaria, na medida en que a xente non esquece e segue pedindo responsabilidades por unha parte e tamén vías de solución a esta catástrofe. -¿Que pretende Nunca Máis con todas estas actividades? Buscamos seguir presionando sobre os gobernos central e autonómico para que se avance en solucións tanto no que se refire á cuestion ambiental, como á económica, como a avanzar en seguridade marítima. E tamén nós non renunciamos a esixir responsabilidades políticas, porque entendemos que houbo unha xestión ineficaz e en moitos casos nefasta respecto a esta crise desde o primeiro día. Polo tanto, seguimos demandando responsabilidades políticas. Máis información: www.plataformanuncamais.org
|