Inicio

Quen somos

Onde estamos

Artigos

Eventos

Fotos

Ligazóns

 

 

 

 

 

 

 

Montserrat Rivera, compoñente de Leilía: «Os arranxos de Madama están feitos á nosa medida»

 Atopámonos no lugar acordado, ó mediodía dunha xornada de comezos de verán. Ela viña de dar unha clase en Noia, «é sorprendente o Liceo que teñen –comentaba-. Funciona moi ben». Comemos xuntos e tras varias horas de conversa, comezamos a entrevista no salón do seu piso, nunha urbanización dos arredores de Compostela. Montserrat Rivera é filla de ourensán e coruñesa. Naceu en Vigo e ós dez anos a súa familia mudouse por motivos laborais a Santiago. «A adaptación foi difícil. Viña dun colexio bastante liberal e o ambiente das escolas compostelás era moi relixioso». Leva bailando desde que tiña menos de dez anos e a iso se adica profesionalmente, profesora de baile tradicional. É unha das fundadoras de Leilía, «fora o que fose nun principio aquel grupo tan heteroxéneo». No 2003, ó fin, remataron de gravar o seu terceiro traballo discográfico: Madama.

-O primeiro disco titulouse Leilía. O segundo I é verdade, I é mentira. Catro anos despois sae ó mercado Madama. ¿Que quere dicir esta palabra?

É un tipo de canto que xeralmente se facía no Entroido. Nel descríbese á muller, ás veces alabándoa, ás veces satirizándoa, desde a punta do pelo ata os pés, pasando por tódalas partes do corpo. Nós tiñamos unha melodía dunha madama neste traballo (a peza “Hei de estar alí”) e puxémola como título porque fixemos o paralelismo de que nós o que facemos é coller melodías tradicionais e engalanalas.

 -No libreto deste terceiro traballo está moi presente un nome que non é de Leilía. ¿Cal é o papel do músico Xoán Porto?

Guancho fixo tódolos arranxos instrumentais. Nós fixemos unha selección de temas, pasámosllos e el colleu os que lle apetecían e fixo os arranxos. Tamén levou toda a producción musical. Foi, á parte de Leilía, a alma do traballo.

 -“Eu chorei chorei mirando pró mare, que veña o culpable e que diga a verdade”. É parte da nova letra do “Eu chorei chorei”. ¿Como naceu esta versión?

Cando foi o do Prestige xa estaba o disco case rematado. Esa peza foi a última que se gravou. A nivel Leilía e persoal foi algo tremendo o do petroleiro. Estivemos como tres semanas que non eramos capaces nin de ensaiar. Chegabamos ós ensaios feitas polvo e empezabamos a falar e a chorar e o que menos nos apetecía era poñernos a cantar e seguir adiante. Estabamos fatal, como eu penso que estaba a maior parte da xente deste país, aínda que despois parece que todo se esquece. Sentiamos unha necesidade de facer algo, de que quedara dalgunha maneira presente o que sentiamos. Foi na manifa Marea Gaiteira. Ana veu coas dúas primeiras coplas feitas e no seguinte ensaio fixemos toda a canción. Logo empezamos a pensar en cómo gravala, pois facelo nós soas era como pouco. Entón organizamos unha xornada de limpeza, xuntamos cento cincuenta persoas, fomos en autobuses a Lira, estivemos limpando ata as 4 da tarde e unha vez rematada a limpeza puxémonos a cantar. Acabamos berrando todos “nunca máis”. Cando o estás pasando moi mal, é como se necesitases facer algo con persoas que senten o mesmo para sentirte un pouco liberado e que a rabia saia fóra.

 -¿Qué pensa Leilía sobre o idioma das coplas?

No primeiro disco, Leilía intentaba mostrar cál era a realidade musical en Galicia: qué pasara neste país, qué se recordaba, qué se cantaba e cómo se cantaba. Naquel disco en ningún momento pensamos en traducir. Se as coplas son en castelán é por algo, ou porque esa zona tivo máis influencia da emigración ou porque o que aconteceu neste país sobre o galego queda reflexado. Cando afrontamos o segundo traballo, no que a intención xa non era mostrar os ritmos senón guiarnos por criterios estéticos, achegar o pasado ó presente, pareceunos que o normal era que se fas un traballo actual e o queres facer en galego, collas as coplas e as traduzas. Neste terceiro traballo xa caía de caixón que ían en galego. Cando falas cun escritor como Suso de Toro, cando pides as súas letras e cando nós mesmas xa nos atrevemos a compoñer: se pensas en galego, falas en galego, compós en galego.

-¿Nunca lles dixeron que un disco cada catro anos é demasiado pouco?

Si, pero é que nós temos que pensar moito os pasos que damos. Cando fixemos o primeiro traballo, que queriamos que fose como foi, mostrando o que nos encontrabamos nas recollidas por Galicia, había xente que xa nos pedía un cedé con músicos e instrumental. Pero decidimos que antes de facer iso, tiñamos que deixar claro qué era Leilía e despois xa fariamos o seguinte. De feito, cando estabamos facendo o segundo xa veu a idea do terceiro, pero estabamos co segundo. Cada cousa no seu momento.

 -¿Xa teñen idea para o cuarto?

Aaai (risas). A idea do cuarto xa está, pero por agora estamos no terceiro.

 -¿Cal é o salto do anterior traballo a este?

Á parte de que hai composición de letras, hai unha cousa que ó que non é moi dado a analizar lle pasa desapercibida: o tratamento da pandeireta. No anterior, nós tocabamos a peza como a recolliamos, se era xota de catro, todo o tempo con xota de catro. Neste non. Fíxose un traballo sobre a pandeireta. A pandeireta acompaña á melodía con toques que non son de zona ningunha, só busca coller a pandeireta e tratala como un instrumento máis. Ademais, Guancho buscou outra sonoridade a nivel instrumental, é unha visión distinta da de Antón e Nando (músicos de Milladoiro que fixeron os arranxos de I é verdade, I é mentira). Aparece o baixo e o contrabaixo, e aparece a percusión distinta á pandeireta e a bateria, que lle dan unha sonoridade distinta.

 -Hai quen di que están a atopar o seu propio estilo ó separarse dos músicos de Milladoiro.

Non sei. O que si é verdade é que se Xoán Porto quere seguir traballando connosco creo que será difícil que Leilía traballe con outro músico. Con Xoán sentímonos moi cómodas porque coñecémonos desde hai moitos anos e sabe as nosas virtudes e defectos, onde pode sacar partido e onde non podemos entrar.

"Xoán Porto foi, á parte de Leilía, a alma do traballo"

 -¿Foi difícil o salto á polifonía?

Costou do primeiro ó segundo disco. Pasar de estar ti soa, libre, a ter que adaptarte a un ton, unha saída, unhas entradas, uns toques, a un ritmo determinado, foi terrible. Pero para este non, xa estaba feito. Ademais, as voces que fixo Guancho non nos custan. Ata eu, que son das que menos me gustaba, fago voces. É como se fose un traballo á nosa medida.

 -Volveron darlle unha peza á medida do timbre grave de Mercedes. ¿É un modo de presumir da súa voz?

O son de Leilía é en gran parte distinto a tódolos grupos de pandeireta por contar cunha voz como a de Merche. É un baixo alucinante. Hai moi poucas voces de muller que poidan baixar tanto e con tanto gusto. A voz de Merche dálle un peso e unha forza especial. Merche e Feli son, en certo modo, os puntais das voces de Leilía. 

-Para o seguinte disco, ¿teremos que agardar outros catro anos?

Eu creo que non. Temos aí xa dúas ideas que están bastante maduras e penso que non van ser catro anos.

 -¿Dous, tres?

Eu penso que ó mellor ata... Mellor non digo nada porque despois non sae… Pero catro anos non van ser.

 -¿Que esperan deste disco?

O que esperamos do disco xa o temos: que nós esteamos orgullosas, e xa o estamos. Para nós é un pracer subir ó escenario a defender este traballo, pasámolo en grande, sentímonos ben, sentímonos nós. Todo o que veña a maiores, benvido sexa. Se á xente lle gusta e o acepta, se se vende moito, se se vende pouco, se hai moitos concertos ou poucos; iso, o que veña. Para nós, as expectativas están cumpridas.

 -¿Leilía segue indo de recollida?

Si, segue indo, aínda que este ano tívoo bastante complicado polo disco e polo tema do Prestige que nos ocupou moitos domingos de limpeza, de asemblea, de manifa e fixo que non sairamos tanto como saïamos o resto dos anos. Pero seguimos, aínda que somos conscientes que cada vez é máis difícil atopar algo que non teñas ou simplemente atopar xente que cante.

 -¿Aínda se atopa material que non estea recollido?

É difícil. O que pasa é que como vivimos nun país de minifundios, eu teño as miñas recollidas, ti tes as túas. Eu non sei o que tes ti e ti non sabes o que ten o outro. Para min é novo aínda que ti o teñas recollido e a única maneira de acceder a esa información é ilo recoller eu. Telo que facer, se queres seguir aumentando a túa bagaxe de pezas e de coñecementos. Cada vez é mais difícil, pero tamén unha recollida non é so conseguir unha canción que nunca escoitara. Tamén é a relación coa xente, o ben que o pasas cos teus amigos, falar cunha persoa maior. É un conxunto. Aínda que ese día te veñas sen nada novo ou especial, estiveches falando cunha persoa que te fixo partícipe da súa vida, estiveches cos teus amigos pasando un día agradable. É a maneira que temos de pasalo ben.

 -¿Como se organizan?

Nestes intres estamos traballando moito con Pichi e María, de Gandaina (Pontevedra), e basicamente quen imos somos Feli e eu. Chamámonos e vemos qué sitio nos queda por ir, a onde nos apetece. Quedamos se estamos libres. Se tes un contacto, mellor; senón vas a ver. Iso é o bo, que non só pensas en ir de recollida, pensas en ir cos teus amigos.

 -¿Houbo algún movemento real para facer un Arquivo Sonoro de Galicia en condicións?

Eu nunca vin un intento con pés e cabeza. Se o primeiro que che din é que queren facelo pero non teñen cartos, ¿que se vai facer? Agora no Arquivo Sonoro entrou Rodrigo Romaní con boa vontade, pero por desgracia neste mundo sen cartos pouco se pode facer, e sobre todo un Arquivo Sonoro dun país. Supoño que se fará na marabillosa Cidade da Cultura, se non acaba sendo un marabilloso mausoleo de edificios baleiros. Porque hai que enchela, e nun país onde nin sequera hai orzamento para un Arquivo Sonoro, pois non sei. Paréceme que vivimos nun país descabezado. As cousas fanse segundo o que lle peta ó que nese momento está enriba, sen pensar no que o país precisa e cáles son as prioridades. Ó mellor é que teño as prioridades cambiadas, non sei.

 -Se se vai recoller a un mesmo sitio en distintos momentos, ¿atópase o mesmo material?

Cambia. Non consegues nin a mesma calidade nin o mesmo. A nós pasounos. De ir a Zobra no 1988 e despois voltar no 1993, o que recollimos nunha e noutra xornada non tiña nada que ver. Nunha cantaban as dunha idade e noutra as doutra. Todo era de Zobra, había algunhas cousas semellantes, pero eu porque sabía que eran do mesmo sitio, senón pensaría que eran de lugares distintos. Incluso no mesmo sitio con pouca diferencia, segundo fales con uns ou outros, segundo a señora se acorde dunhas cousas ou outras, levaraste unha idea ou outra do lugar. O ideal sería ir varias veces, ó mellor cada dous anos volver facer un peinado da zona. Pero traballamos baixo mínimos, é imposible.

"O que facemos é coller melodías e engalanalas"

 -¿Cales son os modelos a seguir?

En Asturias estase a traballar. Tamén no País Vasco e en Zamora se está facendo algo. Ós que vemos máis organizados son ós do País Vasco. Alí fan equipos multidisciplinares que van a unha zona e vai un arquitecto, un lingüísta, un etnógrafo e todo está centralizado nun arquivo. Non hai o secretismo de “esta recollida é miña” porque hai un institución por enriba de todos.

 -¿Cal é o seu artesán preferido?

Agora non atopo ningún que me guste. Nós  traballabamos co de San Lorenzo, que era un amor de home, e as súas pandeiretas duraban anos. Acababa partindo a madeira de tanto cambiar as ferreñas e tanto tocar. Agora unha pandeireta non me dura tres meses. Unha de dous meses partiume o coiro pola metade nun concerto hai pouco. Pero o de San Lorenzo non quixo ensinar e desde aquela non atopamos pandeiretas a gusto.

 -¿Cal é a súa copla favorita?

Anda vaite polo mundo que o mundo che aprenderáe, que o mundo tamén aprende a quen ten máis libertade. Esa copla foi recollida en Seaia no ano 1989. É necesario para unha persoa saír do seu cascarón, do seu pequeno mundo e ver o que hai fóra, pero sen esquecerte do que es. O que é capaz de apreciar o que hai fóra, de aprender dos outros sen esquecer o que verdadeiramente é, é o que realmente se enriquece.

 -¿Por que todo o que se recolle é do interior?, ¿por que non no Morrazo ou Vigo?

En Vigo ou tes contacto ou nada. É unha cidade, e ademais alí entrou moi a canón a Sección Feminina e machacou mogollón. Tamén hai que ter en conta que os que empezaron a recoller eran xente de Santiago e A Coruña, e quedaba un pouco lonxe. Agora non tanto, pero daquela irse ó Morrazo, uf, era moito. De tódolos modos si que hai algo no Morrazo, eu coñezo xente que ten.

 -¿Como naceu Leilía?

Leilía naceu no 1989. Antes houbo un período de non saber qué eramos. Simplemente eramos unha xente que ía de recollida e encontra moitas cousas ás que non lle daba saída, pois dedicabámonos a dar clases de baile e usabamos só unha parte do material. Entón xuntabámonos para montar esas cancións. Aí nace un grupúsculo de xente no que chegamos a ser quince, que uns días eran uns e outros eran outros. Logo foi quedando un grupo máis reducido: seis rapazas e un gaiteiro, que foi o que en principio foi Leilía. Manolo Nieto era o gaiteiro. Con el estivemos tres anos, pero íase vendo que ía tendo máis peso a pandeireta e el estaba só para que descansasemos e iso a nivel de gaiteiro non o enchía. Entón deixouno, pero sen ningún tipo de mal rollo.

"Merche e Feli son, en certo modo, os puntais das voces de Leilía"

 -¿Cómo empezou a tocar a pandeireta?

Eu bailaba. Empecei a tocar a pandeireta ós quince ou dezaseis anos para dar as clases de baile, pois era moito máis cómodo que andar dándolle a un botonciño dunha casette. Ós dezaoito empecei a cantar e logo xa veu o de Leilía.

 -¿Nunca se atreveu coa gaita?

Púxenme unha vez, pero non. Xa me chegaba co que tiña. Á parte a min cantar e tocar gústame, pero como verdadeiramente me sinto máis eu é bailando. É o que fixen desde pequeniña e o que me enche máis.

 -¿Ten entre mans algún proxecto persoal?

Levo case dous anos dándolle voltas a facer unha unidade didáctica para nenos cos xogos de roda e os bailes faciliños. En setembro Feli e eu imos dar unhas clases para a CIG onde imos usar os xogos de roda e os bailes sinxelos para enfialo.

 -Se tivese que definirse con dúas palabras, ¿cales serían?

Consecuente e constante. A min cando se me mete algo na cabeza, así me rompa os dentes vou a por todas, e sempre intento ser unha persoa consecuente, sexa para ben ou para mal. Hai quen di que teño moito carácter e quen di que non. Supoño que dependerá do ambiente no que me coñeza. Se me coñeces nunha clase de baile é unha clase e ten que haber unha disciplina, e se é unha carallada é unha carallada. Non é o mesmo.

 -¿Como é a súa noite de carallada perfecta?

Unha cea no Dezaseis (bar compostelán) cos colegas. Cantaruxar un pouco no Dezaseis. Que sexa verán, que faga bo tempo, odio o frío, e acabar na entrada das Crechas cantando e bailando ata as sete ou as oito da mañá. Logo, para reunir forzas, ir tomar un cafeciño e despois, a dormila. Encántame empezar a bailar ás 12 da noite e que dean as 7 da mañá e seguir bailando e cantando.