Inicio

Quen somos

Onde estamos

Artigos

Eventos

Fotos

Ligazóns

 

 

 

 

 

 

 

Chus Lago, alpinista viguesa

 

“A pesar das conxelacións penso volver escalar”

 

Damián Malvido / Rubén Bastón

Quedamos nunha cafetería en Compostela. Ela estaba algo inqueda. Ía participar nunha xornada sobre a situación da muller na sociedade actual. Tomamos un café. Nun dos dedos da súa man dereita aínda se percibían ás claras o froito da súa última expedición ó Himalaia, a conxelación sufrida tras da batalla coa montaña. Aproveitamos para preguntarlle como foron os seus comezos no alpinismo e se ser muller lle afectou nese deporte no que hoxe destaca a nivel internacional.

  

-¿Sentiuse prexudicada na súa carreira deportiva polo feito de ser muller? 

Non exactamente prexudicada. Eu, desde os once anos ata a actualidade, fun sorteando barreiras que parecen un pouco invisibles, porque depende dun percibilas ou non. Non eran barreiras físicas, eran case todas condicionantes sociais. O que fixen foi intentar non crer nestes condicionantes e seguir adiante. Agora aínda seguen un pouco, pero miro para atrás e parécenme anécdotas. 

-¿Cales eran eses condicionantes? 

Cando eu era pequena, con once, doce e incluso con quince anos, aínda que o montañismo fora un deporte maioritariamente masculino, ninguén me fixo sentir que aquilo era para nenos. Chegou un momento no que eu era a única rapaza pero estaba integrada completamente. Facía as actividades con eles e non me sentía nin masculina nin feminina, era un montañeiro máis. Sen embargo, máis tarde, dentro deste mundo alpinístico, cando foron as grandes expedicións atopeime moitos homes que me fixeron sentir un pouco: “ti es diferente, ti es unha muller”. E non no aspecto deportivo senón no aspecto puramente de convivencia. Como que eu tiña que seguir unhas normas, como que había un xefe aínda que fora un xefe non regulamentado nin elixido. Por ser un home xa tiña que ser el o xefe, e cousas así moi curiosas de grandes alpinistas.

Na miña ultima expedición entrou un montañeiro na miña tenda. Eu tiña conxelacións nos dedos e a cara toda queimada. Estaba nun momento non moi bo e díxome que o alpinismo non era para mulleres, que para nós era a roca quente e os rocódromos. E dicíamo un home que escalara o Everest con osíxeno a min que sabía que o fixera sen osíxeno. Entón pensei “que ceguera nos poñemos ás veces”, porque era evidente que non tiña nada máis que demostrar, ¿non? Pero parecía que si. É moi curioso. 

-¿Nunca lle tiña pasado esa mesma situación cun home ferido? 

Claro, eu estiven en rescates, moitísimos rescates, e sempre de homes. Xente coa cabeza partida, con conxelacións, en estado de coma e, desde logo, nunca se me ocorreu dicirlle “rapaciño é que isto non é para homes” ou “isto non é para ti”. Non se me ocorre, por respecto. Todo o mundo pode ter un momento así e chocoume que a estas alturas da miña vida, tivese que escoitar iso. Non mo esperaba, realmente. 

-¿Como tomou o seu arredor máis achegado a súa paixón pola montaña? 

Houbo de todo. Na idade infantil era como un xogo e os meus pais víano ben porque ía cos meus irmáns e todo era moi divertido. Cando cheguei ós quince anos, meu pai non me deixaba ir ó monte. Miña nai tiña medo dos perigos obxectivos da montaña, que podía meterme nunha cova e non saír, que escalando me caese, o lóxico. En cambio, meu pai tiña medo ó tipico: eu era unha nena, sempre con rapaces… Ata que un día entendeu que a miña paixón era a montaña. A partir de aí xa non me puxo ningún pero e apoioume, mentres que miña nai seguía con todo o contrario.

Lembro que os preparativos para as expedicións foron sempre un auténtico agobio porque o meu arredor familiar era de non, o meu arredor social era de non, e chegar á montaña era realmente agotador. Hai un par de anos chamoume unha rapaza que quería ir o Himalaia. Ela quería simplemente subir un monte pequeno e atopábase cos mesmos problemas que eu tiña e tivera toda a miña vida, que se á súa nai non lle parecía ben, que se ó seu compañeiro tampouco, que todo o mundo lle dicía que non. Eu fun a única persoa que lle deu un empurrón e a animou. Unha semana antes de subir ó avión chamoume e díxome que estaba enferma e non ía poder ir. Era unha enfermidade psicolóxica, o medo que todo o mundo tiña estábaselle contaxiando. Díxenlle “eu xa sei de que me falas. Súbete ó avión, é a mellor aspirina que te podes tomar e vanche pasar tódolos medos e esas historias”. Logo chamoume  e díxome que foi subir ó avión e deixar de escoitar a toda a xente. Gozou moitísimo.  

-¿Algunha vez tivo mulleres no seu equipo? 

Non, eu nunca fixen alpinismo con mulleres. Na última montaña que subín, estaba soa, non había ningunha muller subindo. No campamento base doutras montañas si. Pero de cento trinta homes había doce mulleres e cada unha de diferente nacionalidade, cada unha co seu equipo. Podes charlar un momento que te cruzas, pero nunca fixen amizades suficientes como para facer un equipo e tampouco me importa. Eu non entendo o alpinismo feminino nin entendo o alpinismo masculino, entendo que quero facer isto e punto. Iso téñoo claro. 

-¿Está totalmente recuperada das conxelacións da súa última expedición? 

Si, só teño que recuperarme deste corte aquí no dedo. 

-¿Cales foron as súas feridas? 

Conxelación no nariz, a cara toda queimada e nove dedos xeados. O que me queda por curar era o que estaba peor. Tiveron que cortar un trozo e poñer un inxerto de pel doutra zona do corpo. Quédache unha hipersensibilidade non dedos durante moito tempo pero, aínda que non poderei escalar durante algúns meses, xa podo patear e entrenar. 

-¿Cal é o seu próximo reto? 

A pesar das conxelacións penso volver escalar. O próximo verán penso ir ó Pamir, á Cordilleira do Pamir. Está en Kirguistán, preto de China.