|
Entrevista a Mercedes Peón
Isué •
Proxectos •
O Morrazo
Mercedes Peón, artista e etnógrafa.
Polo
mes de nadal do ano 2000 Mercedes Peón sacou o seu primeiro traballo
discográfico. Moita xente coñecíaa polas súas colaboracións con Budiño,
cos Diplomáticos ou con Mano Negra. Outos víana os venres no seu espacio
sobre folclore no Luar. ¿Quen non escoitou a súa canción de Mareas Vivas?
Pero no nadal do 2000 descubríase unha nova Mercedes Peón. Cortada a súa
longa cabeleira e apoiada por unha magnífica banda. Un proxecto intimista,
galego e moderno, mestura de tradición e novos ritmos. Isué era un
traballo esperadísimo e o seu directo impresionou moito. A súa peza tocada
cun sacho converteuse nun símbolo e o disco triunfou: mellor traballo
discográfico de folk europeo e Mercedes Peón nominada para o premio da BBC
á mellor artista folk do ano.
Rubén
Bastón Meira.
En
novembro do 2001, nunha cafetería de Betanzos, descúbrese coma unha muller
modesta, cunha mirada doce, unha artista que busca expresa-lo que leva
dentro e, sobre todo, unha amante da cultura galega.
¿Por que comezou
a ir de recollida?
Ós
catorce anos estaba cunha pandeireta na aldea de Imende, na Costa da Morte
e estaban uns homes e unhas mulleres nunha tasca. Entón as mulleres
saíron, me pediron a pandeireta e empezaron a cantar a ribeirana. Eu
flipei con ese ritmo telúrico pero envolvente. Pero a miña frustración era
que non entendía o que dicían, non entendía a fala. Entón a partir de aí
graveinas e empecei a intentar imitalas, a facer performance. Eu
sentía aquelo como propio, como cando escoitas os tambores africanos. Son
os ritmos ternarios, que no fondo a todos nos atraen porque os primeiros
latidos do corazón nun feto son ternarios. Despois pasan a catro por
catro, pero os primeiros latidos son ternarios. Eu creo que de feito son
os que provocan que nos meus concertos se consiga ás veces esa movida un
pouco alucinante de deixarte envolver. Hai unha conexión directa, aínda
que despois eu faga música supercontemporánea e nova. No fondo o ritmo que
leva é visceral. É algo propio que che pode recordar a túa vivencia no
útero. Logo ía recoller, facendo dedo, en autobús ou en tren. Cun casete
e unha libretiña. Chegaba ós lugares e o meu obxectivo era saber. A esa
xeración tocoulle preguntar.
¿Apréndese
tanto como se di nas recollidas?
Aprendes
moitas cousas da vida. Hai que ter en conta que estás falando con xente
maior, estás falando de experiencias de vida, que é un luxazo.
Deu
clase de baile, pandeireta, gaita.
Si, si. Eu
empecei a dar clases ós trece anos, ás cantareiras de Xiradela,
porque ninguén tocaba a pandeireta moita cousa e eu como xa estaba nas
recollidas aprendendo o que facían as velliñas pois chamáronme. Tamén en
Xacarandaina, na escola. En Xaca sempre din iniciación. Logo
fun directora do Rosalía de Castro de Cacheiras; do grupo de baile
As Faragullas do Teixeiro (levaban sempre o primeiro premio, tiñan
un nivelón de baile tremendo). E de gaita na asociación Rosalía de
Castro de Padrón, en Malpica... Din en montonazo de sitios, estou moi
contenta.
Vostede
aprendeu a toca-la gaita cun vídeo.
Si, por
vídeo. A min non me gustaba a gaita. Era algo que non soportaba, porque eu
o que escoitaba de folclore era a Sección Feminina, Coros y Danzas, e era
todo gaita, era un horror. Eu nunca na miña vida toquei a muiñeira de
Chantada, estou ata as narices. Entón a primeira vez que vin ó señor José
de Paradela quedei impactada. Porque toca cun punteiro de cinco xeracións
atrás da súa familia, é dicir, do século XVII, e con acentos e trinos moi
curiosos. Entón collín unha frauta e ía imitando, dándolle ó pause. Logo
fun a Seivane, o constructor, e fíxome a gaita, pero claro, non me daba a
dixitación que eu quería. Álvaro Seivane aguantoume moito. A partir de aí
empecei a recoller a gaiteiros vellos e a dixitar desa maneira. Empecei eu
con esas dixitacións estrañas e logo empezou un pouco a revolución de
recoller e intentar tocar tal cal, porque os gaiteiros o que facían era
pasar ó seu rexistro as pezas que recollían.
¿Como
é a súa concepción do baile?
Sobre as
recollidas de campo. Para montar os bailes levaba o vídeo e ía montando
anaco por anaco. O que pasa é que se ti nunha cinta tes dúas horas, desas
dúas horas vas coller catro minutos. Entón desas dúas horas escollía
partes, escollía este punto, esta volta, este rollo e
íano vendo os rapaces e iámolo facendo tal cal. Incluso lles deixaba a
eles rematar. Tamén foi a primeira vez que guiou unha muller. Non todo o
baile, senón fifty-fifty como se fai nas aldeas. Logo montei bailes
coa relación música-danza, que eso agora non o fai ninguén, porque hai
certas zonas onde non eran os dezaseis compases normais. Os gaiteiros non
facían dezaseis, facían segundo ía o baile, e os requinteos e todo eso ían
referidos ós cruzados por adiante e ó pateo no chan.
¿Como
ten conservado o seu material de recollida?
En cintas de
vídeo e audio.
¿Non ten medo de
que se lle estropeen?
Bueno, eu
edito Raiceiras. Teño un selo discográfico pequerrenchiño no cal edito
recollidas de campo. Saíu o volumen I e estamos preparando o volumen II e
o III. O que pasa é que necesitamos pasta para editalo. Pero son moi
bonitas, porque póñolles efectos de campana e tal. E logo leva un libriño.
Unha
das cousas das que se falaba bastante era a de facer un arquivo
tradicional.
Si, pero é
que a xente non quere. A xente quere seguir sendo a propietaria das
cintas. E eso non pode ser, eu regalo as cintas. Eu o único que quero é
unha copia. É unha pena, porque eu creo que se ti realmente es amante da
cultura galega deberías... vamos a ver: un musicólogo, un etnógrafo, un
antropólogo, ti, os teus fillos dentro de 50 anos se lles dá a gana de ir
a un arquivo, téñeno alí. Iso nin che quita nin che dá nada. Á parte todo
o mundo pode ir ás mesmas aldeas ás que fuches ti. Pero é que a laboura
dun musicólogo non é esa.
SUBIR
Isué
Entrando
no seu disco, montou un grupo de tremenda calidade para se-lo seu primeiro
traballo.
A cuestión é
te-las cousas claras, saber que música queres facer e como a queres facer.
Entón ti chamas os músicos. Músicos hainos. O primordial e fundamental
dende o meu punto de vista son elas, as que me acompañan, as voces.
Que
neste ano melloraron un montón.
Claro. Porque
as cantareiras en xeral non están afeitas a cantar con música, apoiándose
harmonicamente en algo. Entón aí hai dificultade. Logo elas tiñan unha
dificultade maior, que é que tiñan que imitar aquilo que eu compuñera.
Supoño que saberá
que ten un dos directos máis elaborados de Galicia.
É que eu son
moi dinámica e moi dispersa.
Non é só polo
material, senón que se nota que o coida todo. A maioría dos grupos non se
preocupan por esas cousas: luces, baile...
É que non hai
unha dirección artística. Eu son directora artística. Creo que é
importante ter unha coherencia, un guión subliminal sobre o que fas.
Porque a min o que me interesa é a comunicación co público.
¿Que é o que
busca do público?
Eu do público
non busco nada. Eu chego con toda a modestia do mundo, espida
artisticamente falando, para soltar moitas cousas que están dentro de min.
Non busco nada máis. De todas maneiras non ten máis importancia porque o
noso é algo lúdico; máis importante é un médico. O único que pretendo é
que ese público pase unhas sensacións, que cheguemos a un punto de
comunicación con esa masa, a poder ser pensante que estea
alí. Non me gusta a manipulación das masas, o nihilismo. Non me atrae.
Teño moi claro que eu simplemente son unha artista que intenta transmitir
sensacións boas. Que esa persoa que chegue alí se leve sensacións moi
positivas para a casa. Que realmente leve a súa aura un pouquiño máis
colorida.
¿Como lle dou por
corta-lo pelo?
Levaba moitos
anos queréndoo facer.
E
que tiña unha melenaza.
¡Pero foron
vinte anos de melena! Farteime, e á parte que eu primeiramente cortei o
cabelo para que non se me recoñecera, porque a televisión é a coña. Hai
xente que me segue recoñecendo por Luar, incluso coa cabeza rapada. É unha
cousa moi curiosa, porque a televisión, igual que é de popular cando
estás, é igual de agresiva cando non estás. A xente esquéncete rapidísimo.
Pero a vostede
non.
Pois
non sei por que. Quedóuselles
sobor de todo probablemente o timbre de voz. Dende logo, non é ningunha
regalía. Non é que me moleste, cando me pasan esas cousas, recíboo con
modestia, pero eso é un traballo tamén, porque non es capaz de ser
recíproco.
SUBIR
Proxectos
¿Segue
compoñendo?
Si, o que pasa
é que cos músicos non dou ensaiado. É a banda que menos ensaia do mundo.
¿Cómo vai se-lo
seu próximo disco?
Eso será
sorpresa, pero en principio estaba pensando en modernizalo aínda moito
máis, pero non quero contarche. A ver se me entendes, eu para a seguinte
movida penso en algo totalmente distinto. Esto xa o dixen, para que vou
repetilo.
Direi outras cousas.
Xa o verás.
¿Cando?
Bueno, podería
empezar a gravar xa, porque xa teño os temas e todo.
¿Cantos?
Teño coma uns
cincuenta e pico. Teño temas para dar e tomar. Escollín once, parece que é
o meu número, pero igual que para este tiña escollidos once e funos
cambiando.
¿E os outros
temas que ten compostos?
Quedan aí, non
se perden. Ou llos dou a algún amigo como Budiño, non pasa nada. Ou se
non, para unha teleserie (risas).
Non,
non. De
verdade que non.
(despece)
“Os tres últimos anos en Luar foron unha contrainformación"
Dende que
Mercedes Peón se dera a coñecer gañando como gaiteira o Premio á
Etnografía Cidade Vella de Compostela e tocando e cantando na entrega de
premios, todo o mundiño do folk a instaba a dar saída á súa capacidade
creativa a través dun disco. Pero ela fíxose de rogar.
¿Por que tardou
tanto en sacar un disco?
Porque estaba
facendo outras cousas máis importantes. Eu facía televisión. Os cinco
primeiros anos para min foron moi importantes porque foron unha
información, un shock psicolóxico total para a xente das cidades e unha
autoestima moi grande para a xente das aldeas. Os tres seguintes anos
foron unha contrainformación, que foi cando xa me empecei a sentir mal.
¿Por que?
Porque tratábase exactamente igual o apartado.
Parecía que era normal. E non era normal, era o único no mundo, e o único
sobor de todo en Europa. Eu quería levar unha estadicaña á aldea para
facer gravacións, para subirlle o nivel artístico a todo eso, pero non.
Era o único que se cantaba en directo. Imaxínate, ti estás co Fari alí, co
seu disco posto, sonando que te cagas e de repente chegan os nosos
velliños co seu micro e a pandeireta. Claro, sona mínimo. Están eles coa
súa pandeireta, con tódolos nervos do mundo e tal. Os cinco primeiros anos
eu quedei moi contenta. Os tres seguintes pareceume unha contrainformación.
Pero eu levaba a miña vida así. E logo seguía facendo recollidas de campo
e seguía dando clase. Estaba envolta pola movida laboral.
SUBIR
(despece)
“A tradición no Morrazo está máis perdida que no
resto”
Como etnógrafa
percorreu case tódolos lugares de Galicia, aínda que ela di que “sempre
queda algunha casa sen visitar, cun tesouro agochado”. Preto de vinte anos
de recollidas convértena nun baremo fiable á hora de medir a situación da
tradición nas comarcas galegas.
¿Sabe algo do
Morrazo?
Si. O Morrazo.
Bueno, pois o Morrazo é unha zona con moito turismo (risas). É unha pena
non saber que me ías facer esta pregunta. Pero no interior do Morrazo,
case costa pero polo interior, recollín cantares de Reis que seguen moi
vivos. Despois todas as danzas que hai por alí: as de Hío, as de Aldán,
todo esto... Están recollidas danzas impresionantes. Á parte se vía moita
tradición local e de baile, pero sobor de todo o que lles quedou moi vivo
son os cantares de Reis, que aínda actualmente se seguen facendo. Si, o
Morrazo é unha zona interesantísma. Móvense unhas enerxías alí no Morrazo
tremendas. Porque claro, pásalle un pouco como na Costa da Morte, na miña
zona, que viven coa morte. Hai unha convivencia moi grande, as coplas
refírense moitísimo ó mar e a todo isto.
¿Como son as
características xerais da tradición oral do Morrazo?
Mira, está
moito máis perdido que no resto. Está moito máis perdido porque ó haber
máis nivel económico, o nivel económico aquí está bastante reñido con que
perdure a tradición porque había unha falta de autoestima moi grande.
Entón eu creo que O Morrazo está moi aberto a todo o exterior, o exterior
o reciben con moita alegría e houbo unha perda importante da tradición
oral, nese sentido.
¿E en particular
de Bueu?
Eu recollín na
illa de Ons e en Bueu. Curiosísimo como cantan e o que fan, como bailan,
especialísimo. O da illa é un fenómeno. Eu por Bueu por exemplo, pois si,
porque claro, a xente da illa foise a vivir a Bueu a maioría e entón si
que da illa de Ons hai cousas moi interesantes. Realmente si que hai
cousas moi interesantes pero para falar de algo xeral está complicado,
porque é bastante localista todo, bastante distinto.
(destacados)
"Non me gusta a manipulación das masas, o nihilismo, non me atrae"
"Chego con toda a modestia do mundo para soltar moitas cousas que están
dentro de min"
SUBIR
|