![]() |
|||
|
|
|
||
|
Curiosidade e expectación ante a inminente recuperación dos Reis tras cincuenta anos de silencio
Retrouso / Cela O Cantar de Reis de Cela, en Bueu, volverase escoitar na parroquia tras corenta e nove anos sen que ningún grupo de veciños se xuntase pra entoalos. Este martes, día de Reis, soará na igrexa de Santa María de Cela, tras da misa das once da mañá. Será a única oportunidade de escoitar o canto este ano. Por ser a primeira edición e ante a súa dificultade de execución, decidiuse non ir polas casas na véspera como é tradición. Deste modo, os preto de vinte veciños que se animaron a ensaiar os Reis pretenden asentar o canto na memoria da parroquia pra impulsar vindeiras edicións máis completas. Entre os cantores predominan os homes maduros, aínda que tamén hai seis mulleres e dous mozos. Os dous profesores, Paco de Coiro e Pepe de Castro, formaban parte do bando que no ano 1955 entoou por última vez o canto en público. Algúns dos outros escoitárono sendo nenos e ó resto móveos o gusto polo canto, o interese pola recuperación e, sobre todo, as ganas de pasalo ben. Numerosos veciños de Cela pasaron na última semana polo Salón de Actos do Centro Socio-Cultural pra observar como se desenvolvían os ensaios do grupo. A curiosidade e a expectación por coñecer o son dunha melodía que moitos parroquiáns xa non recordan medra a medida que se achega o día da representación. O Cantar de Reis de Cela é un vilancico tradicional da parroquia. Está en castelán pero contén marcados rasgos dialectais e curiosidades lingüísticas. Segundo o experto en música tradicional vigués Luís Prego, é probable que a súa antigüidade ronde os trescentos ou catrocentos anos pois a súa cadencia é arrítmica, característica medievalizante previa ó asentamento do ritmo de xota, no século XVII.
|
|
|