Libro de visitas

                                                                                                

 
Google
 

 

Esmorece o son da terra

 Rubén Bastón / Galicia 

No eido da etnomusicoloxía, segundo os entendidos, hai unhas necesidades básicas de conservación do material que non se cumpren en Galicia. A pesar do crecente éxito da música tradicional, dos esforzos das produtoras discográficas e das iniciativas privadas, segue a faltar un verdadeiro programa que asegure a pervivencia da memoria musical galega. O tradicional interesa a cada vez máis persoas, pero os expertos amosan as súas principais inquedanzas: as gravacións realizadas nas aldeas durante tantos anos están a se estropear e segue sen haber unha institución que vele verdadeiramente polo seu coidado.

 

Ø       Esmorece o son da terra

Ø       O Arquivo Sonoro de Galicia

Ø       A presión do tempo

Ø       Unha situación común no Noroeste peninsular

Ø       Entrevista a Rodrigo Romaní: “O Arquivo pode dar formación e metodoloxía; o demais é entrar na utopía”

 

26/11/04 | Tarde de domingo calorosa e sen vento. A entrada do lugar da Alén está mal sinalizada entre os baches da Terra de Montes. Nun cruce enganoso aparece unha aldea pequena, de non máis de dez vivendas chantadas ó longo dun carreiro. Tres galiñas xogan á pita sobre unha carreta oxidada. Chegan catro visitantes. Analizan a cada paso a posibilidade de atopar unha cantadora, un gaiteiro ou unha parella que beille. Aparece unha muller, Auria, detrás dunha cancela. Sesenta e dous anos. Di que na Alén non hai ninguén que cante, que para iso é mellor que vaian á parroquia do lado, seguindo a estrada cara a Ourense. Sae unha veciña, Devina, e conta que Manuela, a da casa co balcón, ó fondo, cantaba e tocaba en mundo ben a pandeireta. Aí van. A recollida empezou. 

Van xa cen anos desde que o coro Aires d’a Terra gravou o primeiro disco galego con temas tradicionais adaptados. Comercializouse este 2004, igual que o histórico disco da zanfona de Faustino Santalices. Son dous sinais recentes do interese que esperta a música tradicional, pero non os únicos. Mercedes Peón editou dous discos de Raiceiras, con cortes das súas propias recolllidas e, no 2002, saíu á luz o traballo do folclorista estadounidense Alan Lomax, quen no 1952 percorreu Galicia gravando melodías ós maiores.  

Semella que nos últimos tempos se vai poñendo en valor o traballo das persoas que buscan conservar e transmitir un xeito propio de entreterse e comunicarse a través da música. Cada vez máis grupos se apoian nas recollidas para inspirar as súas pezas de música e baille. Foi nos anos 80 cando comezaron a recoller os expertos máis destacados de hoxe. Decenas de adolescentes inquedos emprenderon viaxes ó rural para recuperaren a riqueza melódica galega e fuxir dos estereotipos da Sección Feminina franquista. Contemporáneo pero descoñecido era o traballo da suíza Dorothy Schubart, que por esas datas finalizaba o seu inxente estudo etnomusicolóxico de Galicia, o máis completo e rigoroso da historia de Galicia ata hoxe. 

Na actualidade, os expertos saben que case todo está recollido. "Material hai moito -afirma Montserrat Rivera, compoñente de Leilía-, pero postas en común, ningunha". O problema, segundo sosteñen, está na atomización da información, que obriga a que cada un teña que ir a tódolos lugares se quere saber como é a música e dispoñer das gravacións. Case todo se conserva en cintas de casete. Moito dese material ten máis de quince anos e comeza a estropearse. Todos consideran preciso que a Administración se comprometa en serio para evitar a perda do seu traballo. Pero a Administración non dá actuado. 

Guillerme Ignácio, recolledor e gaiteiro do grupo Quempallou, lamenta tamén a falta de criterios unitarios á hora de recoller. "Cada un pregunta o que lle apetece -indica-. Hai desde quen grava, saca fotos e apunta todo, ata quen só pregunta o que lle interesa para incrementar o repertorio do seu grupo". Isto, segundo o músico, dificulta a caracterización do sistema músical galego porque provoca que os resultados varíen moito segundo as condicións nas que se grave. Montserrat Rivera xustifica esta situación: "Ninguén nos ensinou". As recollidas organízanas afeccionados que aprenden a base de probas e erros. 

A tarde vai morrendo. As mulleres que dixeron que non sabían tocar acabaron achegándose e cantan con Manuela. Logo de dúas horas de ruada e recordos, chega un home de setenta anos que seica era gaiteiro. Sorprendentemente, bótase a beillar, e con el Auria e unha parella dos visitantes. Unha cámara de vídeo grava o baille; unha casete fai de micrófono na boca de Manuela, a que mellor canta. O cuarto visitante dedícase a conversar coas señoras e animalas a falar e cantar.

 

Arquivo Sonoro

No 1992 créase o Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) dentro da estrutura pública do Consello da Cultura Galega. Desde o seu nacemento provocou expectativas, esperanzas e desencantos no sector. "Ó Arquivo Sonoro nunca lle importou a música tradicional -sentencia Luís Prego, un dos fundadores do colectivo O Fiadeiro de Vigo-. Interesoulle moito máis gravar a políticos de tódalas épocas: penso que houbo moita deixadez neste campo". Os responsables do ASG recoñecen este punto. Cristina Pujales, a súa documentalista, afirma: "Hoxe traballamos simultaneamente coa música e coa palabra, pero é certo que nun primeiro momento primou máis o material falado, sobre todo o da emigración". 

Hai catro anos o Arquivo celebrou unha gran xuntanza cos recolledores máis destacados de Galicia. "Invitounos moi amablemente a que llo entregasemos todo", narra Prego. Respondéronlle que o que tiña que facer o ASG era fletar unidades móbiles que fosen ás aldeas e que eles, chegado o caso, axudarían a contactar cos informantes. "Pero pareceu moi caro", explica Prego. Foi un total desencontro. 

Algúns recolledores néganse de plano a que o arquivo público se constitúa cos fondos das persoas que levan tanto tempo traballando. Así opina, por exemplo, Henrique Peón, director do grupo Xacarandaina: "Non poden pretender que despois de ter levantado o folclore tradicional con tanto esforzo, deamos o material para que nolo poida copiar calquera", argumenta o coruñés. 

Hai un punto de coincidencia. Todos cren que o ideal é que o ASG recolla o seu propio material. "Así gravarán con mellores equipos, boa calidade e con xente que catalogue e trascriba musicalmente as melodías", comenta Montserrat Rivera. Pero o Arquivo desbota esta posibilidade por excesivamente cara. Conscientes deste factor, unha parte do recolledores abre a porta a que o ASG recompile as mellores coleccións privadas: "Fálase moito das dificultades desta cesión, pero tampouco creo que sexa para tanto -opina Guillerme Ignácio-. A maioría dos que recollemos estamos no mesmo barco". En cambio, para Montserrat Rivera, o problema é que desde o arquivo nunca saíu unha oferta realmente atractiva. "Non é cuestión de cartos -defende-. É cuestión de que ofrezan algo interesante: que se encarguen do traballo duro, da clasificación, e sobre todo que non se lles entregue o material para que o teñan parado nunha sala; para telo gardado, xa o teño eu na miña casa". 

Aínda cumprindo estas condicións, Luís Prego cre que é difícil e perigoso que uns documentalistas cataloguen a súa colección. "É complexo, porque ó mellor na fita hai unha señora que toca a pandeireta que non é dese lugar ou se cadra estaba cantando eu con elas; no meu arquivo só me entendo eu". Rivera coincide con Prego sobre a esa dificultade: "A nós ninguén nos ensinou. Ó principio ó mellor volviamos sen o nome ou a idade dos informantes; nós sabemolo, pero eles non".

 

A presión do tempo

Algúns desconfían do interese real do ASG por adquirir os arquivos privados. Prego vaticina que dentro duns anos "haberá en Galicia vinte coleccións de moita calidade e o Arquivo nutrirase, igual que o fai agora, cos cedés que vaian saíndo". Para Luís Prego o máis importante é "que esa realidade saia á luz”. “Sen a axuda do Arquivo estase a recuperar moito e, pouco a pouco, vaise facendo público mediante o traballo dos grupos de música e colectivos que se animan a editar cedés", conclúe o beillador. 

O que máis preocupa ós recolledores é a presión do tempo. "Non só a música, hai toda unha cultura inmaterial que se está a perder a pasos axigantados", lamenta Prego. A cadea de transmisión da cultura tradicional está rota. Pero, aínda así, os recolledores seguen achegándose ás aldeas. "Aínda queda moitísima riqueza –asegura Guillerme Ignácio-. A forma de tocar en cada lugar evolúe e as mulleres teñen necesidades musicais que antes non tiñan; queda moitísimo por aprender do seu modo de entender a música e a festa". 

Chegou a noite. Os veciños máis mozos foron facendo unha roda arredor da foliada. Levan un bo rato beillando e tocando case sen luz. É hora de marchar. Invítanos a cear pero néganse. Prometen volver para repetir a ruada. Baille, voz e ricos toques de pandeireta. Aínda hoxe, o espírito de festa incombustible mantense prendido no lugar da Alén, na Terra de Montes. Aínda hoxe, a música tradicional está viva en Galicia.

 

Unha situación común no Noroeste peninsular

Os especialistas en etnomusicoloxía consideran o Noroeste da península Ibérica unha das zonas máis ricas de Europa en canto a melodías tradicionais. Así e todo, as deficiencias na conservación son grandes. Os folcloristas asturianos levan anos traballando sen ningunha caste de apoio. Xosé Ambás, membro do grupo N'Arba, analiza a situación asturiana: "En Asturies non hai antropoloxía e a Universidade é un organismo totalmente centralista, non ten ningunha sensibilidade coa cultura propia". Pero estase a desenvolver unha experiencia distinta. "O Museu del Pueblu d'Asturies de Xixón está a traballar desde o 2002 nun arquivo tradicional oral -explica Ambás-. Está a centralizar os arquivos privados". 

A situación en Portugal, Zamora e Salamanca é semellante. A iniciativa da conservación do patrimonio musical recae en mans voluntaristas. As provincias castelás dipoñen de cadansúa grande colección etnomusicolóxica privada e Portugal conta co xigante arquivo de Mário Correia. Este portugués editou varios discos cos seus traballos en Tras Os Montes, iso si, grazas a axudas económicas do Goberno luso.

 

Rodrigo Romaní, coordinador do Arquivo Sonoro de Galicia:

“O Arquivo pode dar formación e metodoloxía; o demais é entrar na utopía”

Desde o seu desembarco no ASG, os traballos de recompilación viraron da adquisición de voces históricas do galeguismo á crianza dun corpus musical galego bastante extenso. Consultamos con Rodrigo Romaní, as dúbidas dos recolledores de campo galegos arredor do organismo que coordina e preguntámoslle sobre as posibilidades de que o ASG se convirta nun dinamizador da conservación do patrimonio musical galego. 

-¿Pensa crear no Arquivo un equipo de investigación multidisciplinar que se achegue ás aldeas na busca de material sonoro directo?

Non, non é o papel do Arquivo. O ASG ten que adquirir, conservar e difundir o patrimonio sonoro galego. Non pode centrar os seus esforzos só en recoller. Levaríao todo. Ademais, grandes expertas, como Dorothy Schubart, opinan que queda xa pouquísimo por recoller. O pobo deixou de facer. Como dicía Xocas, non hai transmisión. É un patrimonio que ten un remate. Non sei se chegou ou non, pero tampouco os expertos están de acordo niso. Schubart, que é unha das mellores, di que si acabou. 

-¿Entón centraranse en adquirir arquivos persoais para lograr un compendio completo de etnomusicoloxía galega?

A maior parte das coleccións privadas están sen ordenar, porque as recollidas non se fan desde un punto de vista científico. Neste eido hai dúas posibilidades: pódese recoller con criterios etnomusicolóxicos ou para facer repertorio. Esta diferenza marca o destino do material. A maior parte das motivacións actuais son escénicas, polo que precisa un traballo moi intenso de clasificación que o ASG non pode abordar. Nós ofrecemos a dixitalización, porque a maior parte do material está en casete. Pero tería que haber certa colaboración. O Arquivo pode dar formación e metodoloxía; o demais é entrar na utopía. Ten que ser o propio recolledor o que faga ese traballo, senón é imposible. Non facelo, antóllaseme unha posición moi cómoda. 

-¿Vai facer algún día o Arquivo un estudo profundo da música tradicional galega?

Eu creo que non é posible que se faga desde o ASG. Primeiro porque é materialmente imposible e ademais porque non creo que sexa lóxico que todo o orzamento, e máis, se destine a clasificar o arquivo de cada un. Ademais de inviable, non é normal. O normal é que a xente que o fixo o clasifique. Moitos grupos de recolleita quéixanse de que non hai apoio oficial. Vale, pero sen esquecer que a motivación deses grupos é facer festivais. É fundamental a motivación. Hai un tema que nunca se tratou e é o dos dereitos de autor, porque, no caso de que se compren os arquivos privados, ¿que se compra? ¿Unha casete? ¿Unha voz? ¿Que dereitos ten o recolledor sobre esa voz? Si, hai que avaliar o esforzo pero é un tema complicado que aínda non se debateu en serio. Buscar apoio económico porque si é un plantexamento moi simplote. Creo que é importante pensar tamén nas respostas a estas preguntas.